Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

sábado, 7 de enero de 2017

Xardín da Roiba, 1967, Bueu

XARDÍN DO REFUXIO A ROIBA, BUEU
Aínda coa patente e acusada redución de espazo físico dispoñible que caracterizou ao proxecto desta vivenda -levantada nunha rocha da praia de Beluso- Ramón Vázquez Molezún a dotou dun intenso axardinamento que envolve gran parte dos seus muros e levanta nas terrazas unha certa espesura que esconde a porta de acceso e fomenta a experiencia dun paseo por un xardín que non existe. Nesta casa non hai parcela... hai rocha, nin tampouco hai un xardín canónico... hai vexetación que brota de entre os pedras que construen a vivenda

Acceso principal polo xardín da vivenda na terraza

Orixinariamente un alxibe e almacén da industria conserveira, ista vivenda única e arriscada, tan persoal e profunda só pode responder ás necesidades dun habitante tolo polo mar. Un penetra nela en coche dende terra firme -a cota superior de terraza- e sae dela por mar en dorna -a cota inferior de praia e peirao- Unha discreta transmutación funcional servida pola arquitectura desta casa.

Acceso pola cuberta, muros verdes e vista xeral da vivenda dende terra firme
É dicir, se temos entendido ben a Ramón Vázquez, un sube á cuberta da casa para entrar por ela, como medio último para acceder ao mar que inquedo e incansable barre os pés da construción. A casa pois parece o de menos e a súa presencia é como o seu xardín, discreto e sutil.
A nada por riba, a vivenda no medio pegada a rocha, e o mar polo baixo, unha dificil solución doméstica en loita co nivel do mar e o seu azoute.

Colonización vexetal vertical da vivenda