Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

jueves, 9 de octubre de 2014

Xardín de villa Rosa, Baiona

PAISAXES CON PRATOS ROTOS
Resgardada polas cortinas de tres araucarias, impón a súa silueta sobre Baiona a fábrica sobrealzada da casa Mirambell. O empresario barcelonés afincado en Vigo, Tomás Mirambell ergueu sobre unhas rochas da praia da Concheira unha bonita e francesa construcción con mosaico rosado nas fachadas, que a luz do atardecer tingue disa cor peculiar que lle da nome..

Texturas dos muros de cerámica no xardín de villa Rosa





Dous grifos no muro e dous leóns brancos deitados nun primeiro parapeto gardan a entrada ao xardín. Traspasada a porta, o intradós dos muros se enche de fermosos murais con animais debuxados en trencadís: aves do paraíso e exóticas zancudas.
O xardín é unha colorista terraza que serve de balcón para admirala ría de Vigo: as illas Estelas e a fortaleza de Monterreal.

Debuxos xeométricos no mobiliario do xardín
O xardín se compón de varias terrazas comunicadas entre sí por escaleiras moi desenvolvidas, con elegantes trenzados, balaústres e diferentes xarróns. Nos recunchos a ámbolos lados da escaleira central, deséñanse pequenas estancias con bancos de fábrica para formar espazos íntimos resgardados das miradas.

O xardín é unha rexeneración universal de fragmentos inverosímiles de tazas, pratos, cuncas, azulexos, mosaicos, fillos de tódalas nais, e de toda condición refundidos nun todo colorista que brinda sen complexos a súa personalidade multiforme.

Xardineiras no paseo dos leóns
Pezas de gres como pequenas acróteras -da fábrica Guisasola de Asturias- limitan na terra os pequenos axardinamentos e debuxan os camiños e praciñas do xardín.

A fantasía expresada no revestimento pétreo deste xardín urbano e estival, contrasta co academicismo Beaux Arts expresado no prisma erecto da casa. Únicamente ésta se desfai da súa esquina Este para expulsar do seu perfil unha cápsula de vidro que forma un fermoso capricho de ferro.

Mosaicos de aves no muro de contención do xardín

Ista experiencia edilicia de raigame catalá tivo pouco predicamento na zona debido, pode ser, á súa propia caracterización allea á tradición local. Porén ficou convertida nun estrano artefacto arquitectónico dominando á vila do Val Miñor.

Don Tomás e a súa familia recibían nesta casa e xardín de Baiona visitas de menbros da Real Academia Galega, cando tralas sesións celebradas en Vigo percorrían a comarca de excursión. Visitas presididas por Manuel Murguía acompañado da súa filla, e que foron recollidas documentalmente na revista Vida Gallega nos anos dez.

Deseño de pavimentos xeométricos