Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

domingo, 2 de febrero de 2014

Parque do sanatorio de Cesuras, 1924-1929, Oza-Cesuras


 O parque fórmase nunha extensa parcela con forte pendente de Oeste-Leste, lixeiramente cadrangular, disposto entre o camiño de ferro e a estrada de Oza a Cesuras, no lugar de Paraxo.
 
O Dispensario Antituberculoso da Coruña elixiu este lugar, ben soleado e ventilado, para erixilo parque-sanatorio que había de ser construido en plena comunión coa natureza, e para o cal se encargou o proxecto ao arquitecto coruñés Rafael González Villar.

O proxecto do parque deixaba ao edificio sanitario no corazón mesmo da finca, accedéndose dende Oza no punto máis alto, para así descender en línea recta a eixo coa proxectada igrexa e salvala excavación do terraplenado cun paseo curvo en media lúa para entrada a ámbolos pavillóns (de homes e mulleres).
Dende Cesuras e a propria estación do tren, o camiño de entrada buscaba o punto de acceso sureste formalizado cunha área triangular con peche exterior en semicírculo. para dende alí, e nunha suave curva sen pendente,  chegar ata a fachada principal.
 
Todo o parque se organizaba en función do proprio sanatorio, e da súa mole irradiábanse os camiños e paseos peonís que se proxectaban a tódalas esquinas do parque. Ofrecéndose unha clara simboloxía benefactora do edificio como astro solar, pola que por medio do repouso e demáis coidados médicos que ofrecía o establecemento tiña lugar a sanación final. 


As bondades do pazo sanador, materializado logo na estrutura do parque, tiña tamén outros ámbitos xeográficos dispostos como satélites arredor del, esto é, a fonte de auga que brotaba nunha mina na mesma finca, e  se formalizaba nunha glorieta con rotonda exterior de árbores, Ou outros claros no bosque que buscaban aperturas de puntos de vista sobre o val tamén a partir de valeiros circulares na frondosidade.
 
A densidade do parque conseguíuse por medio dunha plantación predominante de eucaliptus globulus, para dunha forma rápida, conquerir a espesura e illamentos necesarios.
O naturalismo se ofrecía como a visión máis ventaxosa no parque para os fins dun programa que buscaba básicamente volcarse na nutricia Natureza e nas súas formas curvilíneas.
 
O proxecto frustrado, non deixou rematada a construcción e converteu cedo en ruína romántica a totalidade do parque.


Bibliografía:
AAVV, (2013), A restauración do parque forestal de Cesuras. Antecedentes, situación inicial e actuacións desenroladas. Deputación da Coruña, Agader