Licenza Creative Commons
Esta obra ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

viernes, 26 de abril de 2013

Xardín e casa Becerra, 1939, Vilagarcía de Arousa

Xardín e vivenda racionalista construídos para a señora Becerra Malvar como residencia estival no barrio da Prosperidade no ano 1939 polo arquitecto pontevedrés Juan Argenti, constituídose nun dos valiosos exemplos de vivenda unifamiliar que construíu o Movemento Moderno en Galicia, e unha das escasas mostras que aínda se conservan. Con case 75 anos de antigüidade esta mostra arquitectónica da vangarda internacional dos anos 30 mantén intacta os seus valores e riqueza plástica, e se constitúe como un brilante episodio do patrimonio cultural galego agora de novo en perigo.

Sección transversal do xardín, pormenor

A casa construíuse no barrio histórico chamado da Prosperidade conxunto urbano en torno á estrada que une Carril con Vilagarcía e veciña dun importante conxunto de villas decimonónicas que arroupaban ao desaparecido balneario da Concha e a súa famosa praia de Compostela ás cales queda ligada formalmente formando un conxunto urbano interesante e coherente.
 
Estas villas do barrio da Prosperidade son un exemplo dunha nova forma de entender a cidade termal-sanitaria e o veraneo saudable: con un novo fragmento urbano despregado en paralelo ao mar e ó seu grande balneario disposto horizontalmente con unha arquitectura pacega para tomalos baños con decoro.
A benignidade do clima, a beleza da ría, o desenvolvemento do seu porto comercial e o impulso das novas infraestruturas ferroviarias, atraeu dende finais do século XIX a atención da sociedade burguesa que empezou a construir a modo de hotelitos con xardins as súas vivendas en torno á estrada que unía Carril con Vilagarcía conformándose como rúa central a actual avenida Rosalía de Castro. 

 
O xardín é unha das pezas importantes da casa. OrganÍzase de tal modo que envolve o volume da edificación, resolvendo os sinxelos percorridos funcionais polo interior da parcela.
Conserva unha farola modernista de fundición pintada de branco ao igual que o resto da casa e reutilizada para o ámbito doméstico; e dúas mesas de pedra circulares con ricas molduras situadas en distintos puntos do xardín. A masa vexetal presenta a flora típica da xardinería ornamental galega, na que destaca un plátano centenario no xardín posterior, e un álamo no dianteiro. Pero sobre todo se trata dun pequeno xardín composto por sebes de buxo, maceteiros de fábrica pintados de branco con diversidade de plantas vivaces, xeranios, hortensias, aucubas, glicinias e diversas enredadeiras trepando polos lenzos brancos dos seus muros.


Perfecta integración no barrio da Prosperidade, 2002

A petición de esclusión deste ben, do patrimonio cultural galego terá que dar conta de cales son as determinacións que agora se invocan para levar a considerar que non se cumpren as condicións polas que fai apenas 13 anos esta vivenda e o seu xardín merecían ser protexidos e conservados. Dado que ademáis a vivenda se atopa en perfecto estado de conservación e mantén intacto o seu valor como fai 75 anos cando foi construida. Non así o seu xardín tralas talas sufridas no seu arbolado nos últimos anos, a pesar da proteción expresa que se sinala na súa ficha de catálogo.
 
A leI ten en conta o acceso dos Poderes Públicos á responsabilidade de conservar e acrecentalo patrimonio histórico. Ao ser polo tanto un legado patrimonial que se vai incrementando co paso do tempo, sorprende o signo contrario hacia o que vai encamiñada esta descatalogación.
 
Descatalogala edificación para a súa posterior demolición supón desprenderse dunha das escasas mostras de vivenda unifamiliar da arquitectura do Movemento Moderno que se chegaron a construir en Galicia nos anos 30 nunha contorna urbana exclusiva de residencias estivais construidas pola nobreza e alta burguesía en torno á praia da Concha e de Compostela, das que esta vivenda constitue unha “rara avis” perfectamente integrada no entorno e culme final do fenómeno de turismo e veraneo da belle epoque, antes de dar paso aos novos fenómenos urbanos da segunda metade do século XX derivados do turismo de masas, coas novas tipoloxías de grandes bloques de apartamentos que comezaron a sustituir ás villas de recreo. Aspecto que seguirá producíndose con este primeiro paso de descatalogación.

Por outra banda habería que contemplala redacción dun Plan Especial de Conservación e Protección para este ámbito do barrio da Prosperidade que ordease os usos e novas edificacións, controlando o esceso de edificabilidade que dana a súa estrutura histórica (exemplo paradigmático é a villa Güimil), e evitaría as perdas do seu tecido edificado e xardinístico.
Vangarda arquitectónica dos anos 30

lunes, 1 de abril de 2013

Cactus do Milladoiro, Ames

Dentro do arbolado urbano accidental no núcleo do Milladoiro destaca con personalidade propia, e en soedade no medio da beirarúa, o cactus columnar de Muebles García: coa forza da súa masa vexetal, o seu desenvolvemento vertical, as nervadas engurras do seu tronco, e a súa prótese- muleta. 

Echinopsis
Pode ser cosiderado como un éxito do espazo urbano non proxectado, emblema do Milladoiro dende fai décadas e resistencia cultural do pobo que o coida e aprecia. Moito máis considerando a presión do mobiliario urbano e o acoso edificatorio que o afecta.

Plantado orixinariamente para servir de axardinamento á fronte do establecemento  comercial, conservouse tralas obras de ampliación das beirarrúas sendo o seu defensor o aprezo xeral da comunidade, o mesmo que o preserva actualmente.
Os peóns arrincan esquexes do seu tronco, e ten fillos espallados por toda a bisbarra, pervivindo a vinculación persoal de moitas xentes coa planta.

A floración  espectacular que o recubre na primavera é agasallo engadido para os peóns, que máis se cabe, atopan na planta os afectos urbanos que o convulso tráfego da estrada nacional non lles proporciona.