martes, 26 de febrero de 2013

Xardíns da marquesa, San Sadurniño

Xardín inglés de finais do século XIX, no pazo de San Sadurniño no lugar do Casal. Construido nas suaves ladeiras do río Grande de Xubia disponse tralas fachadas do pazo e convento familiar nunha ampla pradeira da que emerxe a fermosa arboreda do parque, incorporándose á paisaxe agraria do bosque e prados de ribeira.

Vista xeral do xardín co lago do illote, e pedestal con xarrón restaurado. Ao fondo a introdución da paisaxe nos xardíns

Recentemete adquiridos polo concello, aborda este agora o reto da xestión dun parque histórico ao converter este ben cultural nun parque municipal aberto ao público. Polo tanto é importante que a estrutura institucional que agora o vai habitar preserve os seus valores paisaxísticos e evite o esceso que por exemplo o uso masivo dun mobiliario alleo ás características do parque poida causar. 

A marquesa promoveu en Madrid a construción do monumento ao Sagrado Corazón de Xesús en Xetafe obra de Aniceto Marinas e Carlos Maura en 1919: e á súa propiedade pacega trasladou copia un ano despóis colocándoa nunha illa do estanque superior. Agora esta peza importante do xardín corre o risco de desaparecer del. Cómpre entendela singularidade desta peza na historia do xardín e desde logo protexela súa  integridade, tendo en conta ademáis que é unha obra senlleira da escultura pública de principios do século XX instalada nun pequeno xardín privado.

O parque estruturase cunha sucesión de tres estanques que acompañan ao paseo por entre as árbores. O primeiro máis próximo á casa é circular e co mencionado monumento ao Sagrado Corazón; o segundo descompón a súa forma nun óvalo con tres escalóns en cascada; e o último xa presenta unha formato liberado da xeometría formando unha lagoa irregular con illote no medio, e bordes de rocalla. 

Entre o arborado existente destacan os grupos de camelios, magnolios, trachycarpus, as aliñacións de plátanos, cipreses e sobre todo as cinco grandes palmeiras canarias que forman o teito do xardín. Todo nunha disposición de masas estudada para configurala paisaxe do xardín, e ser contemplada desde a solaina do pazo. Os trazados dos paseos circulares que discorren envolvendo espazos, acompáñanse de xarróns levantados sobre pedestais, ata chegar ao portalón de ferro de saída esterior á veiga.

Axonometría do xardín
Restos conservados do uso agrario da veiga, anterior á transformación paisaxística do xardín, son os galpóns anexos e horreo na parte alta da finca, xunto á estrada, e que é necesario rehabilitar como un dos elementos importantes da mesma.

O proxecto paisaxístico da marquesa, máis ambicioso que o estrictamente referido ao xardín do seu pazo, incluía ademáis diferentes actuacións polo territorio circundante: no propio río Grande de Xubia, e sobre todo nos chamados Montes da Marquesa. Estes bosques de varias hectáreas de superficie de masa forestal estaban sendo repoboados con gamos e pavos reais, entre outros agasallos reais, para disfrute pintoresco e cinexético da aristocracia que visitaba o pazo. Do que dan fe as tarxetas postais impresas da época que aínda se conservan, pioneiras na descrición deste mundo de lecer e da súa paisaxe: Parque e casa; Ponte da marquesa; A cascada; Avenida do bosque; Fraga nas posesións dos duques; A fraga e o carballo da condesa... actuacións coidadosamente reflectidas nestas mostras colombófilas da época.

A adscrición deste proxecto paisaxístico ao ambiente cortesán de Madrid é indubidable, como proba a intervención de Aniceto Marinas como escultor nel, e incluso Asterio Mañanos como pintor encargado de decorar o interior do pazo con reproducións dos Velázquez instalados na Torre da Parada mostrando os retratos de Felipe IV e o prícipe Baltasar Carlos como cazadores. Determinacións que fixan as aspiracións e o carácter das posesións desta nobreza rural.
Abordar finalmente a recuperación deste xardín debe ter como punto de partida un estudo completo e riguroso do mesmo, rehabilitando os camiños orixinais do parque, replantando os macizos de flores de borde dos parterres, recuperando a traza do pequeno xardín do patio interior, e levando a cabo a reintegración do arbolado perdido. Así como non introducir elementos discordantes que lesionen a apreciación e letura deste ben, como son os novos camiños en liña recta que atravesan agora o parque, inéditos desde logo neste parque pasisaxístico.

Destacar por último no cercano mosteiro do Rosario a gran escaleira barroca da horta que baixa desde a fachada do mosteiro ata a fonte, formando unha resolta e contundente escenografía.

Bibliografía:
-   MARTÍNEZ BARBEITO, C., Torres, Pazos y linajes de la provincia de La Coruña. León
-   http://ofacistol.blogspot.com/
-   http://secundinogarciacasal.blogspot.com.es/

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada